A Xunta defende a colaboración público-privada como clave na xestión dos residuos para protexer o medio ambiente e a saúde pública
Resumen autogenerado por OpenAI
Audios generados (reproducción automática)
Los audios se reproducen de forma automática uno detrás de otro. Haz clic en el icono para descargar el audio o aumentar/disminuir la velocidad de reproducción.
Debido al tamaño del artículo, la generación del audio puede tardar unos segundos y es posible que se generen varios audios para un mismo artículo.
- Ángeles Vázquez salienta o importante papel que realizan os xestores do lixo industrial para realizar un tratamento seguro e sostible así como coidar e protexer os solos nos que se executan ese tipo de actividades
- A conselleira lembra que o seu labor contribúe ao cumprimento das normativas ambientais máis exixentes e que o Executivo galego presentou esta semana a Oficina de Economía Circular Industrial para asesorar ao tecido empresarial sobre a correcta xestión dos refugallos e subprodutos xerados durante os seus procesos produtivos

Santiago de Compostela, 22 de maio de 2025
A Xunta defende a colaboración publico-privada na xestión dos residuos co fin de optimizar todos os procedementos, avanzar cara un modelo de economía circular e protexer tanto o medio ambiente como a saúde pública. Así o destacou a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, durante a súa participación na inauguración da asemblea xeral da Asociación de Empresas Xestoras de Residuos e Recursos Especiais (Asegre).
A responsable autonómica incidiu en que o papel que realizan os xestores do lixo industrial é esencial para realizar un tratamento seguro, rastrexador e sostible dos distintos refugallos así como coidar e protexer os solos nos que se realizan as diferentes actividades de xestión. De feito, engadiu, o labor que realizan estas empresas contribúe en gran medida ao cumprimento das normativas ambientais máis exixentes promovendo ao mesmo tempo a economía circular, a innovación tecnolóxica e a transparencia en todos os procedementos.
Por iso, Ángeles Vázquez recordou que a Xunta presentou esta mesma semana a Oficina de Economía Circular Industrial co fin de asesorar ás empresas na correcta xestión dos residuos e de acelerar no camiño cara a un modelo sostible de tratamento de refugallos no que primen a reutilización, a reciclaxe, o aproveitamento máximo dos recursos dispoñibles e o coidado do medio ambiente.
Nesta liña, a conselleira destacou a transcendencia de contar con ferramentas eficaces e espazos de colaboración que favorezan tanto o desenvolvemento empresarial como a protección ambiental. Para logralo apostou polo traballo conxunto de todos os actores implicados: Administración, empresas, sociedade civil e comunidade científica.
Esa colaboración, concluíu a responsable autonómica, contribuirá a acadar solucións innovadoras para avanzar no obxectivo común de contar cun planeta máis limpo, seguro e habitable, algo no que Galicia está a facer un importante esforzo converténdose en todo un referente na protección do medio ambiente.
Asegre
A Asociación de Empresas Xestoras de Residuos e Recursos Especiais naceu no ano 1992 e representa ás empresas dedicadas á xestión de residuos perigosos, a eliminación dos industriais non perigosos e a descontaminación de solos. De feito, os seus socios xestionan máis do 70% da capacidade de tratamento autorizada no territorio nacional.
O traballo da entidade, presidida desde marzo deste ano por Bernat Llorens, desenvólvese baixo os principios da economía circular enfocándose á reutilización e a reciclaxe de residuos para evitar a emisión de gases de efecto invernadoiro, o que contribúe a facer fronte ao cambio climático. Neste sentido, a asociación participou, xunto a outras organizacións do sector, na elaboración de guías metodolóxicas para a xestión de residuos perigosos e non perigosos.