A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas anuncia a apertura do prazo do concurso de ideas para recuperar o entorno do pazo de Dona Urraca en Lugo
Resumen autogenerado por OpenAI
Audios generados (reproducción automática)
Los audios se reproducen de forma automática uno detrás de otro. Haz clic en el icono para descargar el audio o aumentar/disminuir la velocidad de reproducción.
Debido al tamaño del artículo, la generación del audio puede tardar unos segundos y es posible que se generen varios audios para un mismo artículo.
- O prazo de presentación de ofertas abrirá mañá e será de dous meses a partir da publicación da licitación do concurso
- O gañador encargaráselle a redacción do plan especial e dos proxectos e dirección de obras das novas edificacións que se construirán e da rehabilitación das previstas
- O orzamento estimado das obras da futura intervención neste ámbito superarán os 6,2M€
- En total, sumaranse ao parque público residencial de Lugo 16 novas vivendas, 6 nos inmobles rehabilitados e 10 nos 3 inmobles de nova construción
- Esta nova actuación é unha mostra máis do compromiso da Xunta, que segue a apostar polo impulso do barrio da Tinería, no que se levan investido máis de 26M€ na rehabilitación de 40 edificios, que albergan 96 vivendas, aos que agora se sumarán 16 máis

Lugo, 13 de marzo de 2025
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto co delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, e o secretario xeral de Vivenda e Urbanismo, Heriberto García Porto, visitou hoxe o entorno do Pazo de Dona Urraca en Lugo. M. Allegue anunciou que o prazo para o concurso de ideas para a redacción do plan especial da UI-8, a recuperación e posta en valor do pazo do século XII, e a rehabilitación e construción de inmobles no entorno, abrirá mañá. Os interesados terán 2 meses para presentar as súas ofertas. O orzamento estimado das obras da futura intervención neste ámbito superará os 6,2M€.
Allegue explicou que, unha vez adxudicado o contrato do concurso de ideas, o cronograma previsto contempla en primeiro lugar a redacción do proxecto de rehabilitación dos dous inmobles, Miño 19 e 21, que se atopan fóra do ámbito e polo tanto non se ven impactados pola nova ordenación. En paralelo, o gañador deberá redactar o Plan Especial, cun prazo de entrega de 45 días, que se tramitará vía procedemento simplificado, polo tanto, cunha estimación de resolución de 5 meses. Con respecto aos inmobles de Falcón 16 e 18, as actuacións estarán vinculadas á tramitación de expropiacións do concello de Lugo. Por último, o adxudicatario entregará a redacción do proxecto de rehabilitación do pazo de Dona Urraca, pendente da formulación do Plan Especial do entorno.
O concurso está dotado con tres premios de 12.000, 10.000 e 8.000 euros, respectivamente, e ao gañador encargaráselle a redacción do plan especial, a redacción dos proxectos e dirección de obras das novas edificacións que se construirán e da rehabilitación das previstas, por un importe de preto de 490.000 euros. Deste xeito, o investimento total superará os 507.000 euros, resultado da suma do importe dos contratos, que inclúen o valor do primeiro premio, de 12.000 euros, e o importe do segundo e terceiro.
Unha vez que a Xunta teña a dispoñibilidade de todos os terreos, cos proxectos xa redactados, licitarase a execución das obras.
Estas actuacións enmárcanse no impulso da mellora da ordenación do ámbito da contorna do barrio lucense da Tinería, zona do conxunto histórico na que a Xunta de Galicia leva investido máis de 24M€ e rehabilitado 96 vivendas, ás que agora se suman 16 máis.
Plano de planta do ámbito das actuacións
En violeta sinálanse os inmobles a rehabilitar. En amarelo, as novas edificacións previstas.