A Xunta mellorará o firme da vía autonómica LU-530 entre Lugo e Castroverde cun investimento de 2 M€
Resumen autogenerado por OpenAI
Audios generados (reproducción automática)
Los audios se reproducen de forma automática uno detrás de otro. Haz clic en el icono para descargar el audio o aumentar/disminuir la velocidad de reproducción.
Debido al tamaño del artículo, la generación del audio puede tardar unos segundos y es posible que se generen varios audios para un mismo artículo.
- O delegado territorial, Javier Arias, explica que se rehabilitará o pavimento, renovarase a sinalización horizontal e instalaranse capatafaros para incrementar a seguridade

Castroverde (Lugo), 5 de febreiro de 2025
A Xunta realizará obras de mellora na estrada autonómica LU-530 dende a conexión coa autovía A-6 no concello de Lugo ata a entrada de Castroverde. O orzamento ronda os dous millóns de euros.
O delegado territorial, Javier Arias, visitou hoxe unha das zonas de actuación para explicar o proxecto, que afecta a un treito de 16,4 quilómetros - do pq 3+600, en Lugo, ao pq 20, en Castroverde - e apuntou que os traballos están agora en proceso de adxudicación.
A intervención centrarase na rehabilitación do pavimento nos puntos nos que está deteriorado. Para iso realizaranse fresados localizados e reporase o firme con mestura bituminosa en quente en todo o ancho da plataforma. A continuación executarase unha nova capa de rodadura cunha mestura asfáltica de tipo descontinua de altas prestacións, que proporcionará unha maior seguridade viaria.
A obra completarase co repintado da sinalización horizontal e coa instalación de captafaros, que permiten mellorar a visibilidade de noite e cando se dan condicións meteorolóxicas adversas.
Arias destacou que con esta nova actuación a Xunta dálle continuidade á mellora executada o ano pasado noutros 28 quilómetros da LU-530, que comunica a capital lucense coa Fonsagrada. Nesa fase renovouse o traxecto entre Castroverde, Baleira e o concello fonsagradino, cun investimento de 1,2 M€.
Próximas obras en Castelo
O delegado lembrou ademais que están previstas obras de mellora da seguridade no treito inicial da vía no municipio de Lugo, ao seu paso polo núcleo de Castelo. A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas destinará máis de 132.000 euros á primeira fase destes traballos, que se iniciará nas vindeiras semanas coa previsión de que estea rematada no primeiro semestre do ano.
Esta primeira fase contempla a adecuación de varios tramos dunha senda peonil -que se completará na segunda e última fase- e a implantación de dous novos pasos de peóns nos puntos quilométricos 1+640 e 2+060 deste viario, na contorna das paradas de transporte público recentemente acondicionadas pola Xunta.