A Xunta destinará en 2025 case 5 M€ ao programa Investigo, que xa permitiu a contratación de máis de 860 persoas mozas desempregadas en actividades de I+D+i
Estas imágenes pertenecen a Página Oficial de la Xunta de Galicia
Ponte Caldelas (Pontevedra), 2 de xaneiro de 2025
O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, avanzou hoxe que a nova edición do programa Investigo, que foi avaliado no último Consello da Xunta, contará cun orzamento de 4,8 millóns de euros para apoiar a contratación de menores de 30 anos desempregados no eido da investigación, a tecnoloxía e a innovación. Por primeira vez, a iniciativa intégrase na nova Estratexia mocidade activa da Xunta para impulsar as oportunidades laborais e reter o talento da xente nova e que —tan só no caso da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración— estará dotada con 20 millóns de euros.
Así o sinalou o secretario xeral na súa visita en Ponte Caldelas ao fabricante de iluminación exterior Setga, que recibiu unha axuda de case 133.000 euros no marco da edición de 2023 do programa Investigo para contratar un total de cinco persoas mozas. No caso da orde deste ano, a previsión é fomentar a contratación de entre 145 e 215 menores de 30 anos en función dos módulos salariais que se apliquen. Como novidade, reservarase 1 millón de euros dos máis de 4,8 millóns de presuposto para as entidades privadas sen ánimo de lucro e personalidade xurídica propia que teñan como actividade principal a I+D+i. Entre 2022 —cando se estreou o programa Investigo— e 2024, a Xunta xa destinou máis de 27 millóns de euros a este plan, cun total de 213 empresas beneficiarias que posibilitaron 863 contratacións de persoas mozas.
- Etiquetas:
- C. de Emprego, Comercio e Emigración
Documentos descargables
- No hay ficheros adjuntos