Galicia estará representada en Bruxelas nun foro sobre o lobo e o sector gandeiro un día antes de que o Comité do Convenio de Berna debata sobre o estatus da especie
Estas imágenes pertenecen a xunta.gal
- O conselleiro de Medio Ambiente, Vivenda e Ordenación do Territorio de Castela e León intervirá o 2 de decembro, en nome das 4 comunidades españolas que concentran máis do 90% dos exemplares do país, para expor a situación da especie ao norte do Douro
Santiago de Compostela, 30 de novembro de 2024
Galicia estará representada en Bruxelas o vindeiro luns, 2 de decembro, nun foro sobre a afectación do lobo sobre o sector gandeiro na véspera da reunión do Comité Permanente do Convenio de Berna, na que se valorará a posibilidade de rebaixar a protección desta especie no seo da UE.
O conselleiro de Medio Ambiente, Vivenda e Ordenación do Territorio de Castela e León, Juan Carlos Suárez-Quiñones, falará en nome das catro comunidades lobeiras españolas (Galicia, Asturias, Cantabria e a propia Castela e León) para expor a situación real nestes territorios, que concentran máis do 90% dos exemplares desta especie de todo o país.
A transcendencia desta cita, organizada por ASAJA (Asociación Agraria Jóvenes Agricultores) na sede belga de Copa Cogeca —organización europea representativa das organizacións de agricultores, cooperativas agroalimentarias, forestais e pesqueiras— increméntase pola proximidade da decisión do Comité Permanente do Convenio de Bernia do Consello de Europa, que examinará a proposta da Unión Europea para reducir o estatus de protección do lobo. Unha cita que se producirá o martes, 3 de decembro.
No caso de Galicia, o foro de Asaja servirá de escenario para expoñer que, nos últimos 10 anos, o número de mandas incrementouse de 90 (cifra estimada no censo 2013-2015) a 93 (de acordo co último estudo, realizado pola Xunta entre 2021 e 2022); máis aínda, tendo en conta que o primeiro censo completo realizado na comunidade, do ano 2003, consignaba a existencia de 68 mandas, nos últimos 20 anos produciuse un aumento do 37%. Arestora, a distribución desta especie abrangue o 91% da superficie do territorio galego. Uns datos que reflicten que o estado de preservación da especie é favorable.
Un 150% máis de axudas en 10 anos
Para garantir o equilibrio entre o lobo e o medio rural en Galicia, a Xunta viuse na obriga de incrementar o importe das ordes de axudas para compensar os danos ocasionados por ataques desta especie en máis dun 150% desde 2016, en comparación co orzamentado para 2025.
Só neste ano, 2024, o Goberno galego publicou subvencións neste eido por valor de 0,61 millóns de euros, que xunto ás concedidas para adoptar medidas de prevención (1,9 M€), suman un orzamento total de 2,5 millóns de euros. Previamente, entre 2016 e 2023, a Xunta xa autorizara axudas por valor de preto de 8,4 millóns.
Un día despois de que se expoñan en Bruxelas estes datos, o Comité Permanente do Convenio de Berna examinará a proposta adoptada polo Consello de Ministros da UE o pasado 26 de setembro, que avoga por mudar o estatus internacional do lobo en Europa de "estritamente protexido" a "protexido". Este cambio, que require dunha maioría de dous terzos para ser avalado no seo do Convenio de Berna, outorgaría maior marxe para protexer o gando fronte a esta especie, garantindo á vez a súa preservación.
En caso de que a solicitude sexa ratificada o próximo martes, a Unión Europea deberá modificar os anexos correspondentes da Directiva sobre Hábitats, que implementa o referido Convenio de Berna.
- Etiquetas:
- C. de Medio Ambiente e Cambio Climático