A Xunta recoñece a oito centros polas súas boas prácticas en materia de inclusión educativa
Estas imágenes pertenecen a xunta.gal
- O primeiro premio, na categoría de Infantil e Primaria, é para o colexio Plurilingüe Graxal (Cambre), mentres que na de Secundaria, recae no Centro Público de Educación e Promoción de Adultos Nelson Mandela do centro penitenciario da Lama
- Tamén resultaron premiados os colexios Plurilingüe de Leirado (Salvaterra do Miño), Plurilingüe Nº1 de Tui e Plurilingüe do Xurés (Lobios), e os institutos Perdouro (Burela), Valadares (Vigo) e Carlos Casares (Viana do Bolo)
- O obxectivo é impulsar a atención á diversidade e o bo clima nas aulas poñendo en valor o labor que se desenvolve nos centros neste ámbito
Santiago de Compostela, 30 de novembro de 2024
A Xunta de Galicia recoñece o traballo de oito centros educativos galegos co Premio Boas prácticas de educación inclusiva 2024 co que se busca impulsar a atención á diversidade e o bo clima nas aulas e poñer en valor o labor que se está a desenvolver nos centros de ensino. Promóvese así unha escola que garanta o estímulo das capacidades de todo o alumnado e contribúa á creación de contornas e culturas inclusivas.
Na categoría A, destinada a Educación Infantil e Educación Primaria, o primeiro premio é para o CEIP Plurilingüe Graxal (Cambre); o segundo é para o CEIP Plurilingüe de Leirado (Salvaterra do Miño), e o terceiro, para o CEIP Plurilingüe Nº1 de Tui. O CEIP Plurilingüe do Xurés (Lobios) obtén a mención de honra.
No caso da categoría B, destinada a Educación Secundaria Obrigatoria, Bacharelato, Formación Profesional, formación de persoas adultas e Ensinanzas de Réxime Especial, o primeiro premio recae no Centro Público de Educación e Promoción de Adultos Nelson Mandela do centro penitenciario da Lama; o segundo é para o IES Perdouro (Burela), e o terceiro, para o IES Valadares (Vigo). A mención de honra é para o IES Carlos Casares (Viana do Bolo).
A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP outorga un premio de 5.000 euros aos centros galardoados co primeiro premio, 2.500 euros aos que obteñen o segundo e 1.000 euros aos do terceiro, mentres que a mención de honra recibirán 500 euros. Ademais, os centros que acada o primeiro premio obteñen o distintivo de Centro Educativo Inclusivo.
A comisión de selección valorou as boas prácticas realizadas a través da memoria presentada, tendo en conta aspectos como a calidade das accións, a coordinación docente, a implicación da comunidade educativa, a repercusión no proceso de ensino-aprendizaxe, a avaliación das accións, ou a súa repercusión a nivel de centro.
CEIP Plurilingüe Graxal (Cambre)
O colexio Graxal fíxose co primeiro premio na categoría de Infantil e Primaria polo seu proxecto A tribo ensina, co que se traballa o fomento da diversidade como elemento enriquecedor, a través de actividades de mellora da autoestima, autoconfianza e cohesión grupal. Para acadar estes obxectivos, empregan estratexias cooperativas, novas tecnoloxías aplicadas á educación e outras metodoloxías innovadoras.
O Centro de Educación de Adultos Nelson Mandela
Na categoría B, o centro Nelson Mandela da prisión da Lama resultou galardoado co primeiro premio polo seu traballo A inclusión comeza só cando os demais están preparados para aceptarnos, axudémolos a dar o paso!. Este proxecto ten como fío condutor o traballo das emocións, a superación de estereotipos e o incremento da igualdade para confrontar a discriminación en xeral e, en situacións de privación de liberdade, en particular. Partindo de diferentes realidades sociais e culturais, as actividades desenvolvidas a través da oralidade, a lectura e a dramatización teñen como eixo común a empatía para promover a reflexión e a aceptación da diversidade.