López Campos pon en valor o impulso da arte urbana entre a mocidade no certame Xuventude Crea
Estas imágenes pertenecen a xunta.gal
- Nesta especialidade, un total de oito mozos presentan os seus traballos en directo nos túneles da Cidade da Cultura
- O representante do Goberno galego felicita aos finalistas e gaba a calidade das obras reproducidas
- A edición deste ano é a máis numerosa da historia con 475 persoas inscritas e 16 modalidades artísticas, incorporando dúas novas
Santiago de Compostela, 30 de novembro de 2024
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, puxo en valor o impulso da arte urbana entre a mocidade na final desta categoría do certame Xuventude Crea 2024. Trátase dunha cita que reuniu a oito finalistas na Cidade da Cultura e na que José López Campos destacou a ampla acollida do programa nesta especialidade.
Na súa visita, o representante do Goberno galego, que estivo acompañado pola directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, gabou o traballo dos artistas e felicitounos pola gran calidade das súas obras. Os participantes foron, Elvira Sánchez, Fernanda Rodríguez, Manuel Míguez, Daniel Piñeiro, Álex Davila, Pedro Gonzalo García, Sergio Leirós e Andrés Rivas.
Deste xeito, sinalou que esta edición acadou a maior participación da historia do concurso, con 475 solicitudes, apuntando que, desde o seu inicio, xa pasaron por este programa máis de 5.300 persoas. Así, López Campos incidiu en que esta iniciativa que promove o Goberno galego xa é unha das máis consolidadas dentro do eido cultural e artístico de Galicia.
Así mesmo, o titular de Cultura da Xunta tamén agradeceu a participación do xurado conformado por cinco expertos neste ámbito artístico como son Silvia Rodríguez, Amabel González, Ramón Conde-Corbal, Alba Castillo e Alonso Antonio de la Cantera, que avaliaron as obras presentadas.
O Xuventude Crea 2024 está conformado por 16 modalidades, dúas máis que o ano pasado onde, ademais do eido da arte urbana, o programa complétase coas disciplinas de artes plásticas, banda deseñada, cociña, creación de contido, creación de videoxogos, danza moderna, deseño de xoias, DJ (Disc-Jockey), fotografía, moda, música, novela curta, poesía, teatro e videocreación.
- Etiquetas:
- C. de Cultura, Lingua e Xuventude