A Xunta somete a información pública o proxecto para a mellora de 69 paradas de autobús nos concellos de Boqueixón e Touro
Resumen autogenerado por OpenAI
Audios generados (reproducción automática)
Los audios se reproducen de forma automática uno detrás de otro. Haz clic en el icono para descargar el audio o aumentar/disminuir la velocidad de reproducción.
Debido al tamaño del artículo, la generación del audio puede tardar unos segundos y es posible que se generen varios audios para un mismo artículo.
- Intervirase no ámbito das rutas de acceso da zona leste de Santiago, nun total de tres estradas autonómicas, cun investimento que rolda os 1,75M€
- Actuarase en 38 paradas no municipio de Boqueixón e 31 no de Touro
- As intervencións consisten na dotación de marquesiñas, na mellora da accesibilidade con ramplas e información en braille e no incremento da visibilidade e iluminación
- As persoas interesadas poderán presentar alegacións por un prazo de 30 días hábiles, a contar a partir deste vindeiro luns
- A Xunta ten como obxectivo poder licitar a execución das obras ao longo do ano 2025

Santiago de Compostela, 15 de novembro de 2024
A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas somete a información pública o proxecto de mellora da accesibilidade e conectividade de 69 paradas de autobús situadas na rede de estradas de titularidade autonómica no ámbito das rutas de acceso da zona leste de Santiago. Esta intervención suporá un investimento que rolda os 1,75M€.
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou hoxe o anuncio deste trámite para a mellora das paradas de autobús en tres estradas da rede autonómica da Xunta, ao seu paso polos concellos de Boqueixón e Touro.
En concreto, trátase de desenvolver estes proxectos nas estradas de titularidade da Xunta: AC-240, que comunica os núcleos de Burres e Ponte Ulla; a AC-261, que une Lamas e Ponte Marzán; e a AC-960, desde A Susana ata o límite provincial con Vila de Cruces. As obras farán necesario expropiar un total de 45 predios, polo que se dispón tamén a urxente ocupación para levar a cabo as intervencións. A superficie de expropiación definitiva é de 2.857,15 m2.
Estes proxectos de mellora de accesibilidade e conectividade das 69 paradas de autobús identificadas na rede autonómica da zona leste de Santiago, permitirán mellorar 38 paradas no municipio de Boqueixón e 31 no concello de Touro.
Co procedemento que hoxe anuncia o DOG, tamén se somete a información pública a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados pola realización desta actuación.
As persoas interesadas poderán presentar alegacións ao citado proxecto, por un prazo de 30 días hábiles, a contar a partir deste vindeiro luns, día 18.
A Xunta ten como obxectivo poder licitar a execución das obras ao longo do ano 2025. O prazo de execución das obras é de 18 meses.
As actuacións
As actuacións proxectadas pola Xunta comprenderán o acondicionamento dos carrís para a parada do autobús, a mellora da accesibilidade e a pavimentación da contorna coa execución de sendas ou beirarrúas.
Ademais colocaranse refuxios deseñados pola Dirección Xeral de Mobilidade, dependente da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.
Tamén se levará a cabo a mellora da accesibilidade para peóns, en xeral, e para persoas con mobilidade reducida, a través de medidas como a conexión das paradas cos itinerarios peonís, a execución de ramplas de acceso, información en braille ou pavimento podotáctil.
As obras incluirán medidas de seguridade e procederase á eliminación de vexetación, á mellora da visibilidade e da iluminación ou á ampliación do espazo ao redor das paradas.
As actuacións tamén prevén o reforzo da información e da sinalización, colocando planos de situación e percorridos ou sinais indicativos das paradas.
O obxectivo é incrementar a captación de usuarios das zonas rurais afastadas dos grandes núcleos no uso do transporte público, fomentando a diminución do uso dos movementos de curto e medio recorrido en transporte privado, con orixe ou destino nas cidades de maior poboación, o que redundará nunha diminución das emisións de xeito gradual.
Os proxectos enmárcanse no Plan de infraestruturas da Xunta para unha mobilidade segura, verde e intelixente, e son susceptibles de financiación dos fondos europeos FEDER 21/27.
Estes proxectos forman parte do Plan de mellora da seguridade e accesibilidade das paradas de autobús nas estradas autonómicas, co que a Xunta ten previsto investir arredor de 35 M€ para a mellora de 1.100 paradas en toda Galicia.