Xosé Merelles salienta o atractivo turístico do Salnés, que recibiu un 13% máis de viaxeiros este ano
Estas imágenes pertenecen a xunta.gal
- O director de Turismo participou na presentación do Plan Estratéxico de Turismo do Salnés 2024-2028 onde puxo en valor este destino para o impulso do turismo galego
Ribadumia (Pontevedra), 24 de outubro de 2024
O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, puxo en valor o comportamento turístico da provincia de Pontevedra durante o mes de setembro ao liderar por terceira vez este ano o número de noites na Comunidade, onde, como dixo, tivo un papel fundamental o Salnés. Xosé Merelles participou esta mañá na presentación do Plan Estratéxico de Turismo do Salnés 2024-2028, onde se referiu tamén aos datos rexistrados pola Ría de Arousa que constatan unha demanda hoteleira de máis de 493.000 viaxeiros de xaneiro e setembro e un total de 1,36 millóns de noites, un crecemento de preto do 13%.
Durante a presentación, salientou que neste bo comportamento turístico do mes de setembro xoga un papel importante "a planificación e colaboración institucional que facemos desde Turismo de Galicia e de entidades coma a Mancomunidade". Así, centrou todas as actuacións do Goberno galego en materia turística no marco da Estratexia de Turismo de Galicia 2030 que pretende "ordenar con éxito o turismo galego para presentarnos como un destino cada vez máis sostible, desestacionalizado, diversificado e que xera riqueza".
Ademais, salientou a aposta pola sostibilidade como un eixo fundamental na tendencia turística actual na que xogará un papel importante o Observatorio de Sostibilidade Turística xunto con todas as actividades turísticas en contornas naturais e espazos protexidos para garantir así un destino accesible para todas as persoas.
Liderar o desenvolvemento sostible
Referíndose ao Plan Estratéxico de Turismo do Salnés 2024-2028, Xosé Merelles salientou que se aliña cos obxectivos da Xunta e aborda conceptos como sustentabilidade, promoción, dixitalización, desenvolvemento territorial e produto na procura de "liderar o desenvolvemento sostible e a promoción desta zona como un destino turístico atractivo capaz de traducirse en rendiblidade económica e xerador de riqueza".
- Etiquetas:
- Axencia de Turismo de Galicia;