A Xunta licita por 2,6M€ a plataforma flotante do Parrote, na cidade da Coruña
Estas imágenes pertenecen a xunta.gal
- María M. Allegue destaca que a actuación "fortalecerá a relación da cidade co mar", forma parte do proxecto Coruña Marítima e "devolverá á cidadanía este espazo para o baño e a práctica dos deportes náuticos"
- A previsión é que a instalación, pensada ao redor de tres ideas, deporte, ocio e encontro social, poida estar lista no verán do 2025
- As empresas poderán presentar as súas ofertas ata o 19 de novembro
- A conselleira destaca o compromiso da Xunta coa cidade e a provincia da Coruña, reflectido nos orzamentos do 2025, que no caso da consellería suporán un investimento de 203,5M€ para importantes actuacións en vivenda e infraestruturas
- O novo CHUAC ten consignados 37,7M€ e no 2025 licitarase o edificio principal, mentres que están xa contratadas as obras de accesos, da Torre Polivalente e a demolición do hotel de pacientes, e proximamente se adxudicará a urbanización de Pedralonga
A Coruña, 24 de outubro de 2024
A Xunta vén de licitar hoxe por 2,6M€ a instalación da estrutura flotante do Parrote, na Coruña, unha actuación singular que permitirá habilitar unha zona de baño segura neste emblemático espazo da cidade e que a Administración autonómica executa en colaboración coa Autoridade Portuaria da Coruña. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, visitou hoxe a zona onde se situará esta plataforma, xunto ao presidente da Autoridade Portuaria, Martín Fernández Prado, o director xeral da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, e a delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo.
A cidade recuperará con esta instalación unha histórica zona de baño que permitirá, como destacou a conselleira M. Allegue, "fortalecer a relación da cidade co mar" a través dunha actuación que unirá "deporte, ocio e encontro social". "É un proxecto singular que forma parte da Coruña Marítima e que devolverá á cidadanía este espazo para o baño e a práctica dos deportes náuticos", subliñou.
A conselleira indicou que o prazo de presentación das ofertas estará aberto ata o 19 de novembro e o prazo de execución é de 8 meses, polo que se prevé que a instalación sexa unha realidade no verán do 2025.
A actuación permitirá habilitar unha zona de baño, con gradas, espazos de descanso e pasarela accesible, "e vai supoñer un revulsivo nesta zona, non só como espazo de lecer senón tamén como novo atractivo turístico". "Unha infraestrutura moderna, novidosa e accesible" que permitirá o desenvolvemento doutras actividades de recreo náuticas e na que se habilitarán dúas piscinas, unha delas aberta ao mar.
A conselleira puxo en valor a colaboración coa Autoridade Portuaria da Coruña para abordar esta actuación, que terá continuación cos novos pasos para o proxecto Coruña Marítima, xa consignados nos orzamentos do 2025.
Neste senso, subliñou que o compromiso da Xunta con A Coruña está reflectido nestes orzamentos, cun investimento da consellería para a provincia de 203,5M€, coa previsión de acometer importantes actuacións en vivenda e infraestruturas: "O compromiso con esta cidade e coa provincia é claro e firme e seguiremos a planificar, a investir e a executar".
M. Allegue indicou que a Administración autonómica continuará con actuacións como o novo CHUAC, que conta cunha consignación de 37,7M€ e da que se licitará o vindeiro ano a obra do edificio principal. Están xa contratadas as obras de accesos, da Torre Polivalente e a demolición do hotel de pacientes, e proximamente se adxudicará a urbanización de Pedralonga.
A conselleira citou outros investimentos en infraestruturas consignados nos orzamentos, como a prolongación da autovía da Costa da Morte (8M€), ou a autovía Brión-Noia (4M€). Tamén se retoma a partida que permitirá dar continuidade á Vía Ártabra, coa nova tramitación dun novo proxecto para conectar a N-VI coa AP-9.
En materia de vivenda, a Consellería ten no polígono de Xuxán construídas ou en marcha 144 vivendas de promoción pública, ás que hai que engadir as 256 vivendas protexidas que promoverán cooperativas ou promotores privados en solo da Xunta. A construción de vivenda pública na provincia contará o vindeiro 2025 cun orzamento de 26,4M€.