Medio Rural pagará as axudas pola EHE ao rematar o período de actividade do mosquito transmisor para beneficiar a todas as granxas afectadas este ano
Resumen autogenerado por OpenAI
Audios generados (reproducción automática)
Los audios se reproducen de forma automática uno detrás de otro. Haz clic en el icono para descargar el audio o aumentar/disminuir la velocidad de reproducción.
Debido al tamaño del artículo, la generación del audio puede tardar unos segundos y es posible que se generen varios audios para un mismo artículo.
Estas imágenes pertenecen a xunta.gal
- A conselleira e o delegado territorial da Xunta en Ourense mantiveron unha reunión de traballo con responsables de Asaga e Unións Agrarias para avaliar as achegas de 5,6 millóns de euros que se destinarán a paliar os danos por esta enfermidade
- María José Gómez agradeceu a colaboración e disposición de ambas organizacións agrarias para traballar man con man coa Xunta, en estreito contacto cos gandeiros, para facer fronte a esta situación
- Destacou que coas axudas directas simplificarase a tramitación e será posible duplicar as contías por animal falecido, ademais de sufragar os tratamentos veterinarios e desinsectantes, contando para iso o censo da explotación e non só as reses afectadas
Ourense, 2 de outubro de 2024
As axudas da Xunta por importe de 5,6 millóns de euros para paliar os danos da Enfermidade Hemorráxica Epizoótica (EHE) faranse efectivas tras a fin do período de actividade do mosquito vector transmisor da doenza, que se estima que baixe a súa incidencia a mediados de novembro coa baixada das temperaturas. Desta forma, os fondos (cofinanciados polo Ministerio de Agricultura) poderán chegar a todas as explotacións afectadas este ano pola enfermidade, a maiores das de 2023, cuestión importante e valorada tanto polo Goberno galego como polas organizacións profesionais agrarias.
Así o lembrou este mediodía en Ourense a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, tras reunirse, precisamente, con responsables de Asaga e Unións Agrarias, nunha xuntanza na que tamén participou o delegado territorial da Xunta na provincia, Manuel Pardo. Despois deste encontro de traballo, a conselleira salientou que o sistema de repartición das achegas será directo aos gandeiros, que só deberán presentar unha aceptación da axuda, sen necesidade de xuntar ningunha outra documentación, axilizándose así ao máximo a tramitación.
Ademais, Gómez puxo en valor e agradeceu a colaboración e disposición de ambas organizacións agrarias para traballar man con man coa Xunta, en estreito contacto cos gandeiros, para facer fronte a esta situación. Así, destacou, foi posible elaborar unha proposta de axudas que definiu como a máis ambiciosa de todas as comunidades autónomas.
Galicia, pioneira nas indemnizacións por morte
Neste mesmo sentido, a conselleira recordou que Galicia foi pioneira en habilitar, xa a comezos deste ano, a indemnización polos animais falecidos, unha medida coa que a Xunta aboou máis de 200.000 euros. A maiores, lembrou que desde que o Ministerio de Agricultura anunciou, en maio pasado, que ía publicar un Real Decreto e transferir fondos ás autonomías, a Consellería urxiulle celeridade para resolver un asunto que finalmente se fixo efectivo a semana pasada.
Foi a partires da publicación da devandita norma, e coñecidos os criterios fixados polo Ministerio, cando a Xunta puido avanzar e dar certezas aos gandeiros cunha proposta de axudas directas, tal e como explicou Gómez, quen incidiu en que "non hai ninguén máis preocupado e ocupado co benestar, o coidado e a sanidade das súas reses que os gandeiros". Por iso, engadiu, a Xunta está aí, como Administración responsable, para "axudar a que todos eles sigan á fronte das súas explotacións e que todos aqueles que se incorporan saiban que tamén teñen o seu apoio".
Con esta medida, sinalou a conselleira, será posible duplicar as contías por animal falecido, con achegas de entre 400 e 1.600 euros, en función da idade das reses. Tamén se sufragarán os tratamentos veterinarios e desinsectantes, achegando 20 euros por bovino censado, aboando os cartos polo total do censo da explotación e non só polos animais afectados, cun máximo de axuda de ata 4.000 euros por granxa.
Lingua azul
Ao tempo, Gómez subliñou que "Galicia tamén foi pioneira dentro de España en facerse cargo dos custos da vacina da lingua azul con nove millóns de euros aportados pola Consellería para que os gandeiros non tiveran que facer fronte a ese gasto" e afirmou que "seguimos traballando para que dedicarse ao sector primario sexa sempre un bo plan de negocio".
Deste xeito, concluíu a conselleira, o Goberno galego continúa demostrando que está a carón dos gandeiros e reitera que seguirá traballando arreo para manter o altísimo nivel sanitario da cabana gandeira da nosa comunidade, que é un referente dentro de España neste ámbito.